Un ano de gaélico

Texto adicado a todos os meus compañeiros dorneiros

(en castellano, aquí)

Fai xa un ano, doce meses día arriba día abaixo, cando un amigo me preguntou se o acompañaba a probar un deporte novo: o fútbol gaélico. Seica montaran un equipo na Illa de Arousa, e prometinlle ir con el. A vida é vivir experiencias novas, e ir probar ese fútbol gaélico á Arousa soaba moi exótico. E por incrible que pareza, daquela eu nunca fora á Illa de Arousa, esa illa enclavada na ría de Arousa e cuxa fama a precede. De xeito que acudir a ese encontro tiña tamén certo compoñente de matar a curiosidade. A Arousa ten fama de ser terra de xente con carácter, de bateas e marisco e conservas, de moitas anécdotas deportivas, de narcos e de moreas de praias; así que ao fin fomos a probar, e unha tarde de sábado plantámonos no campo da Bouza, atopándonos co que a día de hoxe constitúe o núcleo duro do Dorna FG. E aínda que ao primeiro me sentín intruso (un do Depor entre celtarras; do continente na terra dos isleños), xa meu pai me advertira (el ten a súa propia historia coa Arousa), que a xente da Arousa é diferente, e que a pesares do seu carácter forte e peculiar, é xente que actúa de boa fe e coa palabra por diante, e que sendo todo corazón, se están contigo, están. E ‘se hai que ir ás hostias –di meu pai-, van todos’. Esas aseveracións, de boas a primeiras, case daban medo. Pero con todo, o que eu e mais meu amigo nos atopamos foi un grupo de xente divertida e que estaba para divertirse (e gañar gañar gañar), e logo dun par de sesións, eu xa estaba adicto. Tárdase en entender as normas do fútbol gaélico, e aínda hoxe, doce meses despois, me costa ás veces non mesturar as súas regras coas do basket, o meu deporte de procedencia. Por outra banda, sorprendíame (e sorpréndeme aínda) o pulo que este deporte irlandés está a vivir en Galicia. O Dorna estaba, xa daquela, enfocado co seriedade, e antes do que pensaba, xa estaba vestindo a súa (nosa) indumentaria branca, negra e azul, no torneo ibérico de Culleredo, nun día de calor tremebundo. Dende ese día levo o 3 nas costas, e ademais, gañamos no noso primeiro partido, foi a primeira vitoria no noso palmarés. Aquel foi un torneo cheo de ledicia. Como sabe a vitoria! Eu xa case me esquecera do que era a competición, a adrenalina, o suor, a persecución dos obxectivos, o estar sen pensar. Nun 2015 cheo de derrotas e amarguras varias, ese ir e vir de Caldas de Reis á Arousa trouxo un chisco de luz ás miñas semanas, que comezaron a xirar arredor dos adestramentos e dos longos intentos de me empapar polas normas, por non falar das dúas ducias de nomes dos meus compañeiros, que tardei meses en me aprender. Estou convencido, a día de hoxe, que o fútbol gaélico limpou moitas toxinas e malas emocións do meu organismo, e que me carga de enerxía. Pasou Culleredo, e tamén a Copa de Galicia de Teo, onde repetimos vitoria (fronte a Pontevedra, remontada incluída) e boa actuación. O nome do Dorna pasou de ser unha pura anécdota (de onde dicides que sodes? Pero aí vive xente? –escoitado en Culleredo), a ser coñecidos no mundiño nacente do gaélico galego. Supoño que empezamos a ser recoñecidos especialmente pola nosa intensidade dentro e fora do campo (o noso banquillo é un dos máis rebeldes da liga). Corremos máis que ningún equipo, e apretamos os dentes, esa é a nosa bandeira na vida. E eu, que nunca estivera na Arousa, empecei a sentirme alí coma na casa, a coñecer a idiosincrasia dos seus habitantes, aprendendo sobre ese sentido de pertenza a un lugar e sobre a vontade de conservar e coidar, a coñecer a súa historia prendada de anécdotas e inclusive a saberme mover polas súas rúas, nas que aínda agora me sigo a desorientar facilmente. Todas esas son sensacións de ledicia. Tamén aprendín de humildade e orgullo. Coa chegada do verán, pasei a desempeñar as funcións de CM, administrando as redes sociais do equipo, e tamén na busca continua de patrocinios, ou facendo carteis, ou calquera cousa, porque xa daquela o proxecto ía firme e medraba imparable, non so no deportivo, se non tamén na súa atmosfera máis social. Empezamos a falar da creación dun equipo de mulleres, tamén da posibilidade de facer un de nenos, de dar talleres nos colexios, de pedir axudas para montar as porterías propias do gaélico, de organizar festas recaudatorias, de sorteos benéficos, de recollidas de alimentos. E tamén o grupo medraba, coa incorporación de novos membros e sempre aberto, como agora, á participación de calquera que queira vir probar o fútbol gaélico. Logo do verán, participamos no torneo europeo de A Estrada, e coa nosa vitola de equipo sorpresa esquecida, gañamos uns cantos partidos. Os rivais xa coñecían abondo o noso berro de antes dos partidos: Sopa de caracol! UH! Comezou a liga e fixémolo con vitorias, e coa satisfacción de ver o campo da Bouza cheo de xente que se achegaba a coñecernos e a coñecer o fútbol gaélico, xente que aos poucos minutos estaba a seguir o encontro con intensidade, animando coma se foran seareiros de toda a vida. E así seguía o noso camiño de institucionalización, forxando a historia dun clube que máis que clube xa é familia, dun clube onde cada cal aporta o que pode para que as luces do Dorna FG estean sempre presas.

E hoxe, un ano máis tarde, e ante a posibilidade de que volva a marchar fora do país e o gaélico quede temporalmente aparcado, non podo sentir máis que ledicia de formar parte deste mundiño e do Dorna, de ter coñecido a persoas tan excelentes, compañeiros de equipo e rivais so no campo, e de ter vivido experiencias de vida invalorables, ouro puro. E estas verbas son o pequeno agradecemento público dun escritor tamén pequeno por estes doce meses gaélicos.

Non podo máis que rematar co inevitable:

FORZA DORNA!!!

Dorna FG - Braithreachas A Estrada 32

Anuncios

2 comentarios en “Un ano de gaélico

  1. Pingback: Las estadísticas de Aullando (febrero 2016) | aullando

  2. Pingback: Lo más y lo menos (leído) de 2016: 1º | aullando

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s