Como salvar a distancia || Ari Goldfield e Rose Taylor

“Non o soporto!, exclamou unha cliente. Chego á casa tódolos días despois dun día de traballo longo e cansado, e atopo coa miña parella no sofá, agardando a que lle faga a cea. Se lla fago, síntome enfadada e resentida. Se non, el enfádase e síntome culpable e triste. Síntome engaiolada”.

Se xa é duro abondo transformar os patróns cotiás cando traballamos cos nosos propios problemas, máis duro é aínda cando os patróns xorden no contexto dunha relación, xa sexa de parella, profesional, familiar ou de amizade: é moi sinxelo caer nun patrón automático de interacción coa outra persoa na que non nos gusta o que está a pasar pero non sabemos como cambialo. E rematamos por nos sentir frustrados e desesperanzados.

Non é casualidade que canto máis antiga, achegada e importante sexa a relación, máis enraizados estean os hábitos; de feito, son algúns dos máis fondos na nosa conciencia. Desde a perspectiva da psicoloxía occidental, estes hábitos fórmanse na primeira infancia; o budismo ensina que teñen as súas raíces tanto nesta vida como en vidas anteriores.

Desde a perspectiva budista, o bo é que, no máis fondo, estes sentimentos difíciles non son máis que pura consciencia cunha enerxía que nos pode axudar a ‘espertar’ e transformar a nosa experiencia e as nosas relacións. Dado que eses patróns son tan fondos e levan tanto tempo alí, non é estraño que cambialos leve tempo, persistencia e paciencia. Pero se perseveramos realmente, os cambios que se xeran poden ser potentes e satisfactorios, e chegamos a comprender que as dificultades no xeito de nos relacionar son oportunidades para o noso propio espertar e para que as nosas relacións sexan máis resistentes, estables e achegadas. Desde esa perspectiva, as dificultades no xeito de nos relacionar son oportunidades preciosas.

 

Os patróns habituais nas relacións

Cando actuamos desde un patrón habitual, non estamos de todo presentes na situación nin para a outra persoa, porque os nosos sentimentos e accións veñen dun vello hábito do noso pasado. Nos patróns no xeito de nos relacionar, unha das dúas persoas soe representar un papel determinado –é a que escoita, a que se queixa, a que entretén, a que apoia, a nena, a mestra, a crítica, por citar algúns-, e a outra, un papel complementario.

Non hai nada intrinsecamente negativo en ningún destes xeitos de relacionarse; os problemas xorden cando caemos automaticamente nun papel e nos sentimos incapaces de comportarnos doutro xeito. Isto impídenos vivir en toda a variedade do noso ser e tamén na da outra persoa, desconéctanos da fluidez e das necesidades cambiantes de cada novo conxunto de circunstancias. E como consecuencia, podemos sentirnos aburridos, insatisfeitos e frustrados.

Aínda que os nosos patróns habituais nos fan sufrir, fai falla coraxe para examinalos e comezar a cambialos. Para fomentar ese coraxe, é útil manternos nun espazo de aceptación e afecto.

 

Practicar a compaixón cara un mesmo

Jeff, un cliente, estaba totalmente esgotado. Sobrepasara os seus compromisos con amigos, familiares e voluntariados, e sentíase na obriga de mantelos sen ter en conta a súa propia saúde ou nivel de enerxía.

Logo dun coidadoso exame, Jeff deuse conta de que inconscientemente crera que era a súa culpa non ter recibido afecto dos seus pais, polo cal tiña que facer un esforzo maior para esquecer esa culpa e ser merecedor da atención dos demais. Cando comprendeu isto, comezou a corrixir esa crenza meditando no feito de que era inocente e enviándose a si mesmo o amor e a aceptación que desexaba.

Como se ve no caso de Jeff, a causa de moitos hábitos no xeito de nos relacionar é a crenza de que somos seres defectuosos, indignos ou culpables. Polo tanto, a práctica de afirmar ante nos mesmos a nosa dignidade, a valía persoal e o merecemento de amor, é transformadora por si mesma. Axúdanos a conectar co que Buda quixo dicir cando ensinou: ‘Todos os seres son valiosos”.

Podemos facer isto con máximas como: “Son digno de ser amado” e “Quérome e respéctome”, e experimentando ese calor e a aceptación como unha experiencia que sentimos no corpo. Aínda que semella unha práctica sinxela e simple, non significa que sexa fácil. Como observou o difundo mestre zen Kobun Chino Roshi: “O máis difícil é aceptarse a un mesmo”. Aínda así, coa práctica podemos comezar a ofrecer bondade, tolerancia e coidado afectivo ás nosas experiencias interiores incómodas. Isto xerará un entorno interno que propiciará o cambio e non nos castigará cando este semelle efémero ou distante. Khenpo Tsültrim Gyamtso cantaba unha marabillosa estrofa nese sentido:

Cometendo erro tras erro, camiño polo camiño verdadeiro; esquecendo unha e outra vez, apóiome na consciencia que non esquece; experimentando confusión tras confusión, busco a verdadeira natureza non confundida.

Así que intentade non vos mortificar polos vosos patróns habituais difíciles de cambiar e non enfadarvos por non “mellorar”. Cando vos tratades con afabilidade, estades a percorrer un largo treito do camiño de transformación dos vosos hábitos no xeito de relacionarvos.

 

Entender de onde veñen os nosos patróns

Anna pasábao mal no traballo porque o seu carácter explosivo facía que tivera problemas constantes cos seus superiores. Para gravar a súa frustración, moitas veces tiña razón pero por desgraza, os seus estalidos saboteaban a aplicación dos cambios que defendía.

Anha desexaba ser quen de controlar o seu xenio e actuar doutro xeito no traballo. Intentou “permanecer co enfado” na meditación, pero os seus fortes sentimentos eran abrumadores. Ao fin, comprendeu que o seu problema tiña a orixe na rabia que sentía de nena cando o seu pai e a súa madrasta a ignoraban para facerlle caso aos fillos que tiñan en común. Ao comprender o patrón, a meditación fíxose máis produtiva e axudouna a sentirse arraigada, forte, a non sentirse ameazada con tanta facilidade no ruxeruxe da oficina. Como consecuencia diso, puido controlar o seu xenio con maior efectividade.

David era mozo e guapo, e resultáballe sinxelo xuntarse con mulleres ás que atopaba atractivas. Malia iso, non estaba satisfeito coa súa vida amorosa. Quería realmente unha relación a longo prazo, pero unha e outra vez aburríase coa súa parella ao cabo duns meses. Ao fin, deuse conta de que o que buscaba era unha parella que o coidara maternalmente, como non o coidara a súa propia nai. Reprimía de xeito inconsciente as súas necesidades eróticas para se asegurar de que non poñía en perigo o desexo de ter a alguén que o coidara. Cando se percatou disto, sentiuse inspirado para meditar no amor e a compaixón cara si mesmo e cara os demais. Deixou de buscar consolo e atención con tanta intensidade na súa parella actual e volveu a se sentir atraído cara ela como home.

As experiencias de Anna e David mostran o importante que pode ser explorar a fondo os nosos patróns habituais ata descubrir a raíz do problema. Mentres as causas sigan a ser inconscientes, xerarán condutas e emocións dolorosas e difíciles de modificar soamente coa meditación. Afondar nas causas orixinais dos nosos patróns é un xeito de desenrolar a sabedoría que aclara (prajna), que nos axuda a transformar os nosos patróns dun xeito fondo e duradeiro. A combinación desta auto exploración coa meditación crea un método matizado e integrado para manexar a complexidade de xerar unha transformación verdadeira e estable.

 

A importancia da comunicación

Ao afrontar os patróns habituais nas relacións, unha transformación verdadeira soe esixir traballar cos patróns na mesma relación. Isto ten sentido desde a perspectiva das ensinanzas do Buda sobre a interdependencia, a causa e o resultado: posto que os problemas se manifestan nas relacións, as solucións esixen un cambio no xeito de se relacionar, ademais da meditación e a auto exploración persoais. E o cambio no xeito de relacionarse esixe unha boa comunicación.

A comunicación non violenta, de Marshall Rosenberg, é unha excelente guía para desenrolar habilidades comunicativas que inclúan a compaixón, a honestidade e o coraxe. Rosenberg describe un estilo de comunicación que se abstén de culpabilizar e de discutir que ten razón e quen equivocado. Pola contra, a boa comunicación nas relacións céntrase en expresar o que sinte e experimenta cada un, en ser curioso e comprensivo coa experiencia dos demais.

Cando nos comunicamos deste xeito, as nosas relacións funcionan moito mellor. Isto non quere dicir que tódolos problemas da relación sexan reparables nin que todas as relacións deban continuar; ás veces está moi claro que o mellor sería por fin á relación. Sen embargo, cando nos comunicamos con honestidade sobre o que sentimos e experimentamos, e nos interesamos verdadeiramente polos sentimentos e experiencias dos demais, saímos do xeito habitual de relacionarnos e estamos presentes para o outro no momento. Isto xera a mellor oportunidade para que as nosas relacións se resolvan dun xeito que cada un de nos sinta axeitado e verdadeiro.

 

Cinco xeitos de liberarse

Velaquí cinco técnicas que podemos utilizar para traballar cos nosos patróns habituais no momento no que xorden. Do mesmo xeito que poden enraizarse, os hábitos prexudiciais poden ser substituídos por novos estilos de conduta que sentimos máis espertos e sensatos. A clave é non esperar solucións inmediatas; ten paciencia e amabilidade contigo mesmo.

  1. Expande a consciencia. Familiarízate cos teus patróns habituais. Fíxate en como te sentes cando actúas a partires dunha tendencia habitual. Fíxate en como determinadas zonas do corpo se senten incómodas. Canto máis o fagas, antes poderás identificar a túa conduta habitual unha vez esta comeza.
  2. Crea espazo. Respirar sen mais, relaxar o corpo e cambiar de postura podería ser abondo para afastarte dunha reacción habitual ou freala. Xa que logo, cada vez que te des conta de que estás actuando desde un hábito nunha situación relacional, frea e xera algo de espazo. Fai unha pausa para respirar. Sente como a postura do corpo e as sensacións son un reflexo das túas reaccións á situación. Pode que queiras retrasar a interacción suxerindo outro momento para falar ou facendo saber á outra persoa que necesitas dun tempo para pensar e que o retomaredes logo.
  3. Explora opcións. Cando actúas a partires dun hábito pode ser difícil imaxinar sequera outras opcións alternativas de facer as cousas. Por tanto, é importante adicar un tempo a explorar que outras opcións hai na situación. Inclusive se estas opcións semellan extravagantes ou pouco realistas, permítete a ti mesmo ser libre e creativo. Aínda non vas a por en práctica ningunha delas, de xeito que pásao ben. Se este paso semella difícil, imaxina como actuarían na mesma situación outras persoas ou incluso personaxes de libros ou películas.
  4. Actúa. De todas esas opcións, escolle como queres actuar e actúa. Non agardes un resultado concreto; simplemente actúa desde a convición de que isto é o que a ti che parece ben. Cando cuestionas os teus patróns habituais, ao primeiro pode que te sintas incómodo ou co paso cambiado, pero isto permítete saber que estás no lugar correcto. Inclusive se decides facer o que terías feito habitualmente, as sensacións serán diferentes porque estarás actuando de xeito voluntario e consciente.
  5. Reprodúceo mentalmente. Se cres que actuaches desde o mesmo lugar habitual, non te desanimes nin sexas autocrítico. É importante que te des conta do patrón, e podes seguir traballando coa situación reproducíndoo mentalmente. Cando te deches conta de que estabas caendo nese hábito? Que poderías ter feito doutra maneira? Imaxina como te sentirías se actuases dese outro xeito. Iso incrementará a túa capacidade de decisión arredor dese hábito logo de que xurda.

 

Texto traducido por Berna Wang (aquí). Texto original, en inglés: “How to Bridge the Gap”.

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s